Sunday 28 de April de 2024

A Xunta presenta ao tecido empresarial de Coristanco o plan que pertirá desenvolver o primeiro polígono industrial do municipio


— Tras salientar que o proxecto está avalado por un estudo de demanda realizado polo concello, Ángeles Vázquez subliña a localización estratéxica do novo ámbito empresarial, no enlace entre a AC-552 e a AG-55 e próximo ao polígono de Bértoa

— O Instituto Galego da Vivenda e Solo está a tramitar o instrumento de ordenación do novo parque, cuxa primeira fase contará cunha superficie de case 61.000 m2 e que podería chegar ata os 173.000 m2 en función de que como evolucione a demanda

A Xunta presentou esta mañá ante o tecido empresarial de Coristanco e comarca o Plan estruturante de ordenación do solo empresarial (PEOSE) do futuro polígono do municipio, proxectado na parroquia de Oca sobre un ámbito delimitado no plan xeral como solo urbanizable de uso industrial e que, nestes momentos, non conta aínda con ningún tipo de edificación.

Durante unha reunión con máis dunha vintena de empresarios e representantes municipais convocados hoxe en Coristanco para abordar os pasos dados e as posibles fases en que se dividirá o desenvolvemento do novo parque, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, subliñou a localización estratéxica da futura área industrial, proxectada no enlace entre a AC-552 e a autovía AG-55 e moi próxima ao polígono de Bértoa, en Carballo, un factor que contribuirá a facela máis atractiva para as empresas que buscan asentarse no municipio.

Neste sentido, a responsable autonómica referiuse ao estudo de demanda elaborado polo Goberno municipal no ano 2021, que permitiu confirmar o interese por adquirir solo industrial nesta zona e estimou a necesidade de ao redor de 40.000 metros cadrados por parte dunha vintena de empresas.
Para responder a esta demanda, o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) xa está a dar os primeiros pasos co fin de que se poida empezar a desenvolver canto antes o futuro polígono. En concreto, cómpre lembrar que o pasado verán o organismo autonómico adxudicou por algo máis de 70.000 euros a redacción do PEOSE do parque de Coristanco, un novo instrumento de ordenación previsto na Lei de áreas empresariais de Galicia aprobada o ano pasado.

Nestes momentos e unha vez que o PEOSE xa está practicamente rematado, o IGVS está iniciando a tramitación do documento —que, como seguinte paso, se someterá a vindeira semana ao trámite ambiental durante un período de tres meses—, e a empresa pública Xestur encargarase de impulsar a urbanización do futuro parque.

Acompañada polo director do IGVS, Heriberto García, a conselleira trasladoulle aos empresarios asistentes que a execución do polígono se dividirá en dúas fases. A primeira, desenvolverá a zona máis próxima á estrada AC-552 e contará cunha superficie de ao redor de 60.000 metros cadrados que incluirá os 40.000 metros necesarios para atender a demanda actual así como as diferentes zonas comúns, viarios e servizos xerais que requirirá o polígono.
Nunha segunda fase e sempre en función de como evolucionen as necesidades de solo industrial, Ángeles Vázquez explicou que o Plan estruturante do parque empresarial de Coristanco tamén prevé unha ordenación do ámbito diferida co fin de poder adecuar o seu desenvolvemento á propia demanda. Neste sentido, indicou que se barallan dúas posibles alternativas e que a superficie total do parque podería chegar aos 173.000 metros cadrados, incluídas ambas fases de execución.

Política de bonificacións e aposta polo solo industrial

Cómpre lembrar que un dos eixos de actuación da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda é fomentar o asentamento e a expansión en Galicia de novas empresas a través de políticas de solo industrial que resulten atractivas e se adapten ás necesidades de cada momento. De feito, a Xunta é o maior promotor de solo industrial de Galicia e a única administración que bonifica todas as parcelas da súa propiedade.

A tal fin, destinará este ano 35,4 millóns de euros a actuacións en materia de solo empresarial, dos cales 7 millóns irán dirixidos a manter as bonificacións de ata o 50% no prezo de venda da superficie que ten dispoñible nos seus parques —preto de 900.000 metros cadrados distribuídos entre 37 polígonos— e os restantes 28,35 millóns investiranse principalmente na mellora e desenvolvemento de solo empresarial, con actuacións previstas en 27 parques de toda Galicia.